lunes, 30 de julio de 2007

A BIBLIOTECA – CENTRO DE DOCUMENTACIÓN MARCO PERMANECE ABERTA EN AGOSTO

Por vez primeira na vida do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, a Biblioteca – Centro de Documentación, abrirá ao público no mes de agosto co seu horario habitual, de martes a venres, de 11 a 14 e de 16 a 20. O acceso durante este mes será pola entrada principal do museo.

Exposición Bibliográfica
Ata o vindeiro mes de setembro, poderase consultar na biblioteca a exposición bibliográfica O retrato na fotografía contemporánea, unha selección de catálogos de fotografía, co retrato como eixe argumental. Esta actividade é un complemento á mostra “Retratos doutro século” situada no primeiro andar, proporcionando un contraste entre aqueles retratos do século XX e a actualidade deste xénero na fotografía contemporánea. Entre os artistas seleccionados atópanse Alberto García–Alix, Nan Goldin, Pierre et Giles, Jean-Baptiste Mondino, Tracey Moffatt, Andrés Serrano, Cindy Sherman ou Erwin Olaf, entre outros.

Servizos
Os fondos da biblioteca abranguen aspectos da arte como a teoría, filosofía, historia, pedagoxía, museoloxía, movementos artísticos ou coleccións. O corpo principal da biblioteca son monografías e catálogos de artistas ou catálogos colectivos. Para tomarlle o pulso á actualidade, a biblioteca conta cun servizo de hemeroteca de revistas especializadas de arte, deseño e cultura contemporánea, e unha selección de fondos audiovisuais. Esta oferta documental complétase co libre acceso a internet a través de oito equipos informáticos ou por medio da rede wifi.


Outra das posibilidades é a consulta a través da web do MARCO, onde se pode ampliar a información sobre o funcionamento da biblioteca, e consultar o catálogo en liña. Así mesmo, calquera persoa interesada pode facerse socio da biblioteca, de maneira igualmente gratuíta, e desfrutar de vantaxes como o envío de dous boletíns informativos a través do correo electrónico: un relativo ás novidades e actividades que se desenvolven no MARCO, e outro que recolle distintas convocatorias (cursos, xornadas, premios...) relacionadas coa arte a nivel autonómico, estatal e internacional.

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Departamento de Comunicación (Marta Viana ou Pilar Souto)
Rúa Príncipe nº 54
36202 Vigo
Tel. +34 986 11 39 08 /11 39 03 / 11 39 00
Fax.+34 986 11 39 01
Email: marta.viana@marcovigo.com pilar.souto@marcovigo.com
www.marcovigo.com

No hay comentarios: