viernes, 30 de octubre de 2009

EXPOSICIÓN Obra negra. NICOLÁS COMBARRO.

  • 30 outubro 2009 – 24 xaneiro 2010
  • MARCO, Espazo Anexo
  • Martes a sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00; domingos de 11.00 a 14.00



Nicolás Combarro Documentación para Obra negra, 2009 Foto: cortesía del artista 

O
MARCO presenta o cuarto proxecto da serie ‘PUNTOS DE ENCONTRO’, nesta ocasión co artista Nicolás Combarro. No contexto deste programa, os cinco artistas invitados —Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e José Dávila— traballan sobre o concepto de cidade contemporánea como espazo heteroxéneo, onde se establecen relacións entrecruzadas. 

Todos eles teñen en común un interese cara ao contexto social ou arquitectónico, e formulan proxectos específicos para o Espazo Anexo do MARCO.

Nicolás Combarro naceu na Coruña en 1979, se ben a súa infancia transcorreu na cidade de Vigo. O seu proxecto para o Espazo Anexo do MARCO xira en torno aos espazos e conceptos de construción/deconstrución nun contexto urbano.

Como nas outras propostas da serie ‘PUNTOS DE ENCONTRO’, no traballo de Combarro é fundamental a fase de investigación e documentación. Os tres elementos que conforman o su proxecto reflicten, en diferentes tempos, un proceso de achegamento á cidade de Vigo. Seis series de imaxes, recollidas en tres despregables; un vídeo que mostra un percorrido pola zona vella; e unha construción escultórica que ocupa o centro da sala de exposición.

A proposta de Nicolás Combarro (A Coruña, 1979) forma parte do proxecto ‘PUNTOS DE ENCONTRO’, que se desenvolve durante todo o ano 2009 e principios de 2010 no Espazo Anexo do MARCO. No contexto deste programa, cinco artistas establecen un diálogo entre o lugar de exhibición —a sala de proxectos— e o seu contorno —a cidade de Vigo. A idea central é converter o Anexo no lugar de conclusión ou formalización das experiencias, fronte á consideración tradicional do museo como lugar de exposición do obxecto. Os artistas invitados elaboran propostas que nacen fóra dos límites do museo, e que modifican as coordenadas lóxicas de percepción.

O título do proxecto de Nicolás Combarro é reflexo dos intereses do artista e dos seus modos de proceder. ‘Obra negra’ é unha expresión que se usa en México para nomear espazos ou estruturas en construción. É unha fase, a priori transitoria, cunha realidade e unha estética propias que moitas veces acaba perpetuándose nun estado latente.

O proceso de traballo de Combarro parte dunha reflexión sobre o espazo e a construción. É un camiño de ida e volta entre a realidade, documentada xeralmente a partir de fotografías, e a abstracción, por medio de intervencións ou novas construcións realizadas polo artista neses lugares ou estruturas.

Os tres elementos que conforman o seu proxecto específico para o MARCO reflicten, en diferentes tempos, un proceso de achegamento á cidade de Vigo. Seis series de imaxes, recollidas en tres despregables, trasladan a mirada do espectador cara a lugares deostados, residuos construtivos intervidos polo artista ou, simplemente, fotografados por el, que se converten, finalmente, en modelo.

Este labor de catalogación e agrupación anímano a abrir a investigación á cidade; unha experiencia que nos transmite por medio dun vídeo, a través dun percorrido pola zona vella, sumido nun estado de construción/destrución que parece prolongarse eternamente. O elemento principal, unha construción escultórica que ocupa o centro da sala de exposición, funciona como símbolo, como metonimia do real.

É a conclusión a un proceso no que a antiga Panificadora de Vigo se converte no centro dunha discusión conceptual sobre a existencia e repercusión dunha construción que acaba tendo un valor icónico, reivindicativo.

CONVERSA (extracto): Nicolás Combarro + Agar Ledo


Agar Ledo: “A túa investigación sobre a cidade de Vigo comezou como unha reflexión sobre a casa como unidade básica de habitabilidade. Ese rexistro fotográfico de casas de Vigo [parte dun arquivo de imaxes que vés conformando dende hai anos] móstrase na exposición como documentación relativa ao proceso. Que papel xoga esa catalogación obsesiva de estruturas no desenvolvemento do teu traballo?

Nicolás Combarro: Dende o principio utilizo a fotografía como documento. Por unha parte realizo a fotografía que considero ‘obra’, cando rexistro accións que fago no espazo e non podo trasladar o espazo modificado á sala de exposicións. Por outro lado, hai un labor continuo, case obsesivo, de documentación dunha realidade que me rodea ou nos rodea. Esa realidade obxectiva ao final a subxectivizo, porque hai unha serie de estruturas que vexo que se repiten, e que me chaman a atención por razóns que ás veces descoñezo. O feito de traballar sobre a casa ten unha razón de ser, pero tamén hai outro tipo de construcións como montículos, paredes tapiadas ou demais, que me van excitando intelectual ou sensorialmente a través da percepción, e vounas rexistrando nas viaxes que realizo a calquera lugar. A medida que vou facendo ese rexistro vanse configurando unha serie de parámetros, convertendo ao final a estrutura nun modelo. Polo tanto, primeiro fago unha acumulación de material ata que chego ao modelo, e dende o modelo volvo á serie, de maneira que intento compartir co espectador esa sensación de que dá igual a onde mires ou dá igual a onde vaias, que hai unha serie de estruturas que se repiten sempre, e xa deixar ao espectador que el mesmo faga esa reflexión do por que se repiten, cal pode ser a función… Adquiren en si unha estética propia.

A: De feito, ao formalizar esas imaxes de estruturas deostadas, representantes do ‘feísmo’, en pequenos despregables, estaslles a conferir certo estatus. Existen, falas visibles.

N: No feito fotográfico, e para calquera artista, hai un estética, unha busca da beleza á hora de compoñer, á hora de traballar. O feito de fixar a atención e de fotografar dun determinado xeito ou cunha determinada intención unha estrutura, ao final dignifícaa, e creo que extrae a beleza que contén, que existe nela. Todos nos fixamos nesas paredes tapiadas, nesas traseiras descubertas de edificios, pero normalmente dámoslles un carácter negativo e creo que é interesante valoralas tal e como son. É como ese paradoxo sobre o feísmo que, cos anos e con moito traballo sobre el, se converteu nunha forma de estética.

A: Pouco a pouco, a investigación vaise abrindo cara ao conxunto da cidade. Ese percorrido que realizaches para redescubrir Vigo móstrase formalizado nun vídeo que nos achega información sobre a temporalidade do proceso.

N: Cando aparto a vista do íntimo e a volvo cara á cidade, penso en chegar a unha conclusión de todo o proceso. Esa obra final é a Obra negra, o que contén toda a emoción desa cidade como símbolo. Durante o proceso hai unha parte na que xogan a experiencia e o tempo, que non se pode representar. O vídeo permíteme transmitir esa experiencia no percorrido, e rexistrar dalgún xeito os cambios que se produciron en Vigo, esa variable temporal. Nestes momentos estanse a realizar transformacións que, paradoxalmente, non inciden na estrutura básica das construcións, senón en cambios de materiais vellos por materiais novos. Sucede constantemente nas cidades contemporáneas, faise algo, desfaise, vólvese facer, vólvese desfacer. O vídeo, un loop de 26 minutos, permitíame rexistrar ese cambio, e fíxeno intentando deshumanizalo, é dicir, quitándolle o valor do veciño, que xa existe per se no espazo.

A: Ese percorrido pretende facer máis presente a idea de cidade e, non obstante, tamén reforza o protagonismo dun ‘modelo’ [recorrendo ás túas palabras], unha estrutura que por si mesma representa todo, que é a Panificadora. No espazo de exposición sitúas unha escultura negra que se refire a ese ‘modelo’ e que, ademais, sintetiza moitas outras preocupacións e resume o significado do título da exposición, Obra negra.

N: A miña obra sempre traballa sobre un contexto social que existe e que é inevitable, se ben non falo directamente diso, está aí [as construcións, realizadas sempre pola man do home, posúen un trasfondo social]. En Vigo parecíame moi importante aludir, por un lado, a ese pasado obreiro que ten, e a Panificadora permíteme interpretar globalmente a cidade, sempre fixándome nesa realidade postindustrial aínda presente. Esa estrutura converteuse no centro dunha discusión conceptual e reivindicativa da cidade. Xa se ve no vídeo, que empeza ao lado do Concello, o anti-símbolo, e chega ata a Panificadora, que funciona como vértice. Ao reivindicar esa estrutura e ao repensala, cuestiónome de que serven os símbolos. Creo que serven como fin, como utopía, como forza que pode promover unha serie de cambios. En canto á formalización, esa Obra negra que resume todo o proceso no museo, é unha escultura que parte desa primeira idea de casa, e que remata metamorfoseándose adquirindo esa organicidade que recorda aos silos da Panificadora. Se ben a estrutura é moi abstracta, si que é verdade que dentro da estrutura hai unha metamorfose e todo un proceso que queda. Non é unha mera representación, pois o seu valor non é testemuñal senón escultórico.

A: O material co que revistes a obra, o carbón, pode funcionar como metáfora dunha realidade social, aínda que funciona tamén como pigmento, como un non-cor.

N: O carbón é un material co que empecei a traballar hai un par de anos. Foi unha evolución natural; pasei da pintura acrílica en cor á pintura negra para fixarme máis na forma. Traballando sobre a función do negro como forma, e como ausencia de cor, cheguei rapidamente ao carbón. Posúe un pasado, unha memoria, xa que é un material que estivo vivo e que no seu proceso de transformación morre e se converte en colector de enerxía. A propia fisicidade do carbón interesábame moito, é un material granuloso con volume que ao traballalo se pode moldear achegando tridimensionalidade, fronte á pintura que, ás veces, funciona simplemente como mancha. Creo que o primeiro impacto visual, que é esta Obra negra, é un impacto abstracto no cal ten moita presenza o material, co seu olor, a súa ausencia de cor. O carbón non reflicte a luz e ao absorber esa luz xera un baleiro que provoca sensación de ausencia. Todo o mundo vai recoñecer unha forma, pero non se sabe moi ben que é. E dende aí descóbrese o vídeo, onde hai unha reflexión máis narrativa sobre a cidade, e a documentación, que descobre outra parte do proceso”.

Vigo, outubro 2009.

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

No hay comentarios: