sábado, 2 de octubre de 2010

Isaac Díaz Pardo denuncia o asasinato do seu pai e asegura que loitará incondicionalmente contra a impunidade dos crimes franquistas

Isaac Díaz Pardo, presidente de honra da FCI, denuncia o asasinato do seu pai e asegura que loitará incondicionalmente contra a impunidade dos crimes franquistas.

Francisco Pillado, vicepresidente da FCI: “cantar á defensa da vida é o noso maior compromiso, mais iso implica denunciar ós xenocidas e levalos diante dos tribunais de xustiza”.


Asunción Baamonde (tesorera),  Isaac Díaz Prado (presidente de honor)
 , Francisco Pillado (Presidente), Gustavo Garcia (Abogado) 
Vigo, 2 de outubro de 2010.- A Fundación Galega Contra a Impunidade, integrada por máis de 80 persoas reuniuse hoxe en Vigo e ratificou a súa determinación de seguir apoiando con todos os seus medios técnicos e humanos a querela admitida pola Cámara Federal de Bos Aires para investigar e xulgar os crimes dos franquistas, fundamentalmente no que concerne a ós crimes de lesa humanidade cometidos na Galiza.


Presidiu o acto Isaac Díaz Pardo, quen vai outorgar poder notarial á Fundación para que denuncie o asesinato do seu pai cometido polos franquistas.

 Isaac afirmou sentirse “moi agradecido porque xente máis nova, que non viviu tan de cerca o franquismo, estea a promover esta busca de xustiza, tan necesaria”.

Aprobouse por unanimidade que a presidenta da FCI sexa Mariví Villaverde, filla do deputado Elpidio Villaverde. Mariví amosouse emocionada porque “por fin, despois de tantos e tantos anos desde que se cometeron eses crimes tan terribles se abra unha vía para facer xustiza”.

Asimesmo, o novo vicepresidente da FCI, Francisco Pillado declarouse orgulloso de pertencer a esta Fundación: “Aceptei a vicepresidencia da FCI porque considero que romper a impunidade dos criminais de lesa humanidade é unha causa xusta, noble e que paga a pena”.

Pillado quixo aclarar expresamente que “a Fundación non se concebiu para buscar vinganza, senon xustiza, e a xustiza é un dos alicerces do estado de dereito”. “Como xa dixo Gandhi –sinalou- se aplicásemos sempre o ollo por ollo a humanidade enteira quedaria cega. A vinganza é sempre cruel e irracional, é o preludio dos fanatismos”.

Pillado explicou así o a súa filosofía como vicepresidente da FCI: “Cantar á defensa da vida é o noso maior compromiso, máis iso implica denunciar ós xenocidas e levalos diante dos tribunais de xustiza. Sempre sentín pánico dos fanáticos que, sen o noso consentimento, pretenden crearnos paraísos. Como dixo Stanislac Lec, <ó paraíso sempre se vai en coche fúnebre>. Ás veces os maiores xenocidios cométense en nome dos paraísos. Eu, como Albert Camús, tampouco quero paraísos nos que non poida optar ó inferno”.

Francisco Pillado leu o fragmento dun artigo publicado por Le Monde (a raíz do premio nobel de mediciña a Severo Ochoa) na época franquista, e que resume, cando menos en parte, o que os franquistas nos quitaron:

“Que podemos pensar dun país no que Picasso non pode pintar, Severo Ochoa non pode investigar, Juan Ramón Jiménez, Rafael Alberti ou Luis Cernuda non poden escribir, Pau Casals non pode dar concertos, María Casares non pode traballar como actriz e Luis Buñuel non pode dirixir cine”.

Rematou a súa intervención pedindo “que a nosa voz, a voz das persoas que traballamos nesta Fundación, serva para reclamar xustiza fronte ós responsábeis da barbarie xenocida. Xenocidios nunca máis”.

No hay comentarios: